Historia da escravitude

Gustave Boulanger, Mercado de Escravos, 1888.

Documentos e evidencias sobre a escravitude pódense atopar en case todas as culturas e continentes, porén as súas orixes son descoñecidas. A escravitude pode ser rastrexada nos textos máis antigos, como o Código de Hammurabi, en Mesopotamia, datado no segundo milenio a.C., que xa se refire ao escravismo como unha institución arraigada. O traballo forzado de mulleres nalgunhas culturas antigas e modernas pode ser identificado coa escravitude. Neste caso adoita incluír servizos sexuais.

A historia da escravitude no mundo antigo está estreitamente ligada á guerra. As fontes documentais de Mesopotamia, de Exipto, do Israel antigo, Grecia, Roma, Persia, da China, das civilizacións maia e azteca e da India, están repletas de referencias á escravitude en relación coa guerra. Os prisioneiros de guerra eran frecuentemente reducidos á escravitude polos seus vencedores ou captores, a miúdo obrigados a traballar en labores militares, de enxeñaría civil ou agrícolas, ou ben como serventes domésticos. Moitas propiedades da Antigüidade mantíñanse do labor dun ou máis escravos. Independentemente das testemuñas escritas directas, a escravitude doméstica e a escravitude de concubinato, foi observada entre pobos nómades de Arabia, entre nativos de América, cazadores e recolectores de África, Nova Guiné e Nova Zelandia, e entre os pobos xermanos, os viquingos e outros pobos.

Ademais da guerra como fonte de aprovisionamento de escravos, o castigo penal de criminais convertía a estes en escravos, de ordinario como forma de compensar as vítimas. A escravitude por débedas existiu en moitas sociedades primitivas. Así entre grupos africanos, mulleres e nenos eran dados como reféns por débedas ou outras obrigas e, se tales obrigas non eran resarcidas, os reféns pasaban a ser escravos.

Moitas sociedades antigas posuían máis poboación escravizada que poboación libre, que era a que controlaba a aqueles. Estaba permitida a crueldade e os abusos cos escravos, mais con frecuencia recibían un tratamento semihumanitario como propiedade valiosa.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search